Thursday 02 de May de 2024

Galicia rexistrou o pasado xaneiro a cifra de viaxeiros máis elevada desde o 2009


A comunidade incrementou a súa cifra de viaxeiros nun 11,3% e nun 8% as súas pernoitas o pasado mes

Segundo os datos publicados no día de hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xaneiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 11,3%, ata situarse en 156.526. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 8,0%, contabilizándose máis de 280.000 no conxunto da comunidade.

Deste xeito, Galicia acadou no pasado mes o nivel de viaxeiros aloxados nun mes de xaneiro máis elevado desde o 2009 e o a cifra de pernoitas máis alto dos últimos seis anos.

A nivel estatal observouse un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada, do 10,9% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 8,3% no que atinxe ás pernoitas.

No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, neste mes de xaneiro, Galicia rexistrou un comportamento homoxéneo, tanto o nacional coma o internacional contribuíron aos bos resultados deste mes.

Subiu o turismo nacional, nun 8,6%, consecuencia dun maior volume de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia –incrementáronse nun 12,7%-, e aumentouse o turismo internacional superando nun 5,1% o volume das súas pernoitas e nun 3,0% a súa cifra de viaxeiros.

Neste primeiro mes do ano o 93,2% da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis – que representaron o 76%- como ás pensións –co 17% neste caso-. O 6,8% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,1%-, aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 2,7% neste caso- e aos cámpings –que representaron neste mes de temporada baixa o 0,1% do total da demanda regrada-.

Tipoloxías de aloxamento
Canto ao incremento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, neste mes de xaneiro destacan os crecementos rexistrados polos apartamentos turísticos que incrementaron a súas pernoitas nun 37% e polos establecementos de turismo rural que cunha suba do 30% neste caso.

En termos de ocupación, destaca a mellora rexistrada nos hoteis, que incrementan en 2,2 puntos porcentuais a cifra do pasado ano, e nos apartamentos turísticos, cun incremento do 1,8% neste caso.